O profesor Cossío, será o relator convidado no acto de clausura do Programa Formativo en Xestión Estratéxica e Operativa de Centros e Unidades de Investigación de Excelencia, que terá lugar o próximo 15 de marzo ás 13:00 horas. A este acto de clausura asistirá a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar Tojo.
Fernando P. Cossío é licenciado en CC. Químicas pola Universidade de Zaragoza (1982), doutor en CC. Químicas pola UPV/EHU (1986) e catedrático de Química Orgánica da UPV/EHU. Actualmente é director científico de Ikerbasque, a Fundación Vasca para o avance da ciencia, desde 2009.
Foi profesor titular no Departamento de Química Orgánica I da Facultade de Ciencias Químicas de San Sebastián desde 1988 ata 2002, ano no que obtivo a súa Cátedra nese mesmo departamento.
Desde 1993 coordina un grupo de investigación de Química Bioorgánica Teórica e Experimental, que posúe a mención de Grupo Consolidado do Goberno Vasco, de tipo A. A investigación desenvolvida polo profesor Cossío céntrase no estudo das reaccións pericíclicas e de formación de ligazóns C-C, tanto computacionalmente como a través de metodoloxías experimentais.
A súa traxectoria científica está avalada por 223 publicacións en revistas internacionais indexadas (h=48), 5 capítulos de libro e unha monografía, así como 65 contribucións a congresos, 14 patentes e a participación en 46 proxectos de I+D (financiados tanto por entidades públicas con concorrencia competitiva como por empresas privadas).
Así mesmo, dirixiu 23 Teses doutorais na área da Química Orgánica sintética e computacional.
Desde 2015 a 2018 foi coordinador da ANEP, na área científica de Química.
Premios e distincións máis relevantes: Premio Almirall da Sociedade Española de Química Terapéutica (1987), Premio Euskoiker (2005), Premio Ignacio Rivas da Real Sociedade Española de Química (2011), Premio de Investigación Janssen-Cilag España da Real Sociedade Española de Química (2013), Premio especial de investigación da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas, Químicas e Naturais de Zaragoza con motivo do Centenario da Real Academia, ano 2016.
Os participantes no evento terán a oportunidade de coñecer de primeira man a xestión dos centros de I+D do sistema vasco de ciencia e tecnoloxía. O profesor Cossío compartirá coñecementos de boas prácticas internacionais e novas tendencias e metodoloxías no ámbito da investigación excelente.