A relevancia da comunicación na ciencia

  • Por que é importante comunicar en ciencia?

En xeral é importante comunicar en todos os aspectos da vida. Unha empresa comunica para vender máis e ofrecer mellores servizos, un político ou un partido para gañar votantes e  empatizar ou convencer ás persoas sobre o seu programa. Por que a ciencia non ten que comunicar? A ciencia é coñecemento contrastado, é unha resposta a moitas das nosas preguntas, é cultura e información para ter unha sociedade formada, crítica e con capacidade de decisión. A ciencia pode ser útil para mellorar a toma de decisións, pode axudar ás empresas para ser máis competitivas, pode simplemente entreter e cultivar a alma, así que non hai motivo polo que a ciencia teña que prescindir da comunicación.

  • Poderías expoñer brevemente as particularidades da comunicación no ámbito da investigación?

No ámbito da investigación seguramente nos atopamos con retos ou barreiras moi distintos aos que se atopan as empresas, as administracións ou outras entidades. Nós traballamos con información moi técnica que a miúdo hai que dixerir moitísimo para poder chegar aos nosos públicos obxectivo. Esta tradución, ás veces pode ser complicada se non queremos perder rigorosidade, non queda máis remedio que utilizar comparacións, metáforas ou outras alternativas coas que tanto ti, como comunicador, como as persoas científicas, se sintan cómodas.

Outra parte interesante do noso traballo é a de difundir o método científico, educar ou crear conciencia de que a ciencia dá unhas garantías sobre os resultados que se obteñen que outras metodoloxías non che poden dar. Con isto, esperamos que a sociedade entenda que non se poden sacar conclusións da observación simple do que sucede ao redor, e de que as  fake  news ou as pseudociencias están por todas partes e hai que ter un pensamento crítico.
Por último, mencionaría seguramente a visión que se ten do mundo científico como algo difícil e aburrido, pero nada máis lonxe da realidade. A ciencia pode ser divertida, apaixonante, chea de persoas con moita vocación e curiosidade, estas mensaxes tamén son parte do noso reto como comunicadores.

  • Dentro do obxectivo de achegar a ciencia á sociedade, cales son as claves para adaptar a comunicación ao público non científico?

Para resumir as recomendacións en bloques e facelo un pouco máis fácil de lembrar eu sempre falo “das tres E”:  Empatizar, Enfocar e Namorar.

Empatizar significa poñerse na pel do outro. Se queremos que a nosa mensaxe chegue temos que ter isto constantemente na cabeza. Que intereses ten o meu público? Que linguaxe utiliza? Que referentes ten? Utilizar unha linguaxe plana, directa, informativa e con alusións a cousas que lles sexan coñecidas, comparacións, metáforas.

Enfocar tamén é básico, poñer o foco naquilo que importa á xente. Coñezo exemplos de física moi complexa que os investigadores explican coa axuda dunha pelota de fútbol, ou impactos do cambio climático que, no canto de centrarse no oso polar, falan dos problemas para producir cervexa, ou da subida do nivel do mar en cidades como Barcelona.

Por último, a emoción, deixar que a xente viva a ciencia na súa propia pel, facer ciencia participativa, converter os avances científicos en historias, engadirlle un pouco de misterio, todo axuda para espertar o interese e gañar seguidores fieis para sempre.