A importancia de contar cun plan de xestión de datos

Todos os que traballan en investigación e en dar soporte á investigación experimentan algunha vez esa sensación de que se lles está pedindo algo máis alá das súas competencias cando se lles atribúen responsabilidades no proceso de xestión de datos da súa investigación. Preparar un plan de xestión de datos parece unha tarefa máis, ás veces superflua, dado que ata hai pouco vivimos tranquilamente sen el. Por que entón hoxe en día se insiste moito sobre a súa importancia? É só unha esixencia máis das entidades financeiras, ou hai algo máis?

Grazas á dixitalización e á automatización, os datos de investigación que somos capaces de xerar na actualidade superan en moitos casos as capacidades humanas de poder tratalos e organizalos manualmente, e nun tempo razoable. Os proxectos vólvense máis complexos, organízanse consorcios e colaboracións internacionais para poder levalos a cabo. Investigadores de distintas institucións tratan cos mesmos datos e analízanos producindo resultados que teñen que compartir. Que pasaría se non houbese un acordo común sobre como describir estes datos, sobre que formato usar ou que procesos utilizar para lelos, analizalos e interpretalos?

Ter un plan de xestión de datos permite aos investigadores traballar de forma organizada e coherente, previr o desperdicio de recursos compartidos, a perda de datos e de tempo. E ademais do beneficio propio, un plan de xestión de datos axuda a mellorar a calidade científica dos datos, a súa descrición e reprodución. Os beneficios de ter un bo plan de xestión de datos esténdense máis aló da vida do proxecto porque facilita a reutilización dos datos producidos. O beneficio para a sociedade é evidente se pensamos que desta forma estamos a permitir que o coñecemento avance máis rapidamente, construíndo nova información sobre unha base sólida de datos ben documentados.

Xestionar os datos de investigación non é tarefa sinxela, porque implica coñecementos e habilidades moi diversas, que van desde as propias da disciplina á que pertence o proxecto, a habilidades técnicas, informáticas e ata administrativas. Non hai aínda un perfil profesional ben definido e universalmente recoñecido para que cada centro de investigación ou cada grupo científico poida pedir e conseguir o apoio dun xestor de datos. Mentres tanto, podemos dixerir e difundir a idea de que ter un plan de xestión de datos é unha necesidade que nos trae máis beneficios que esforzos, e podemos traballar xuntos para que as competencias necesarias estean cubertas por un bo equipo, ben coordinado. A boa coordinación, ao final, non necesita unha persoa que saiba todas as respostas, senón unha que, coñecendo as opcións posibles, saiba facer as preguntas axeitadas.