Non todas as convocatorias admiten propostas rompedoras, pois isto conleva na súa definición un risco que é admitido só por algúns programas europeos que atopamos localizados no piar I da ciencia excelente e no piar 3 Europa innovadora. O programa ERC e a súa versión en Innovación, o EIC, presentan un esquema bottom-up e esixen ideas ou propostas que conleven certo (aquí está a clave) risco, a cambio de ofrecer á ciencia e á sociedade, certa ganancia en forma de coñecemento ou competitividade.
En cambio, os retos globais do piar 2 requiren de innovación para ir máis aló do estado da arte. Nestes proxectos colaborativos todo está disposto segundo o esquema top- down, desde os resultados ao impacto que debe xerarse a curto, medio e longo prazo, pero a forma de como chegar a eles permanece aberta e é aí onde a creatividade marcará a diferenza entre propostas.
A base para unha proposta competitiva en retos globais é a excelencia científica, pero sen dúbida neste últimos sete anos de programa, o impacto veu marcando a diferenza entre as propostas exitosas e as non financiadas e espérase que este feito sexa máis acentuado aínda en Horizon Europe. O impacto pois, será sen dúbida a revolución de HE e as organizacións que desenvolven investigación ( RPOs) deberán adaptar a súa estrutura ás novas necesidades se queren seguir sendo competitivas. Adquirirá relevancia neste contexto a creación de equipos e consorcios internacionais e multidisciplinares, así como contar cunha estrutura de xestión que traballe coa anticipación necesaria para ofrecerse a si mesma e á comunidade científica a formación que lle permita entender as convocatorias e adquirir (ou ser conscientes de) as novas capacidades que conleva preparar unha proposta competitiva disruptiva ou innovadora, pero en calquera caso gañadora.
Como conclusión, no marco actual, no que hai moitas oportunidades e máis financiamento que nunca, tamén hai unha competencia feroz, polo que se require unha estratexia cirúrxica para a que debemos saber exactamente que buscamos, con que recursos contamos (talento científico-técnico propio e capacitado, rede de contactos e socios a nivel europeo e mundial) e cal é a convocatoria óptima, preparando unha proposta que responda con precisión a todos os requirimentos da mesma.