Despois de adicar máis de 20 anos a diferentes aspectos da xestión e avaliación da actividade científica percibo que as contornas rexionais, nacionais e internacionais evolucionan de maneira rápida.
Nos anos ´90 as políticas científicas rexionais en España eran case inexistentes. A nivel nacional, empezábase a desenvolver o Plan nacional, a CICYT e a CNEAI. En Europa xa había un programa marco vixente para España dende que en 1988 se integrase na Comunidade Europea do momento.
Os investigadores que compartían a súa actividade con aspectos de xestión e avaliación científica eran auténticos pioneiros. Vénme á memoria o caso de Pere Pascual, físico teórico e impulsor da CNEAI entre moitos outros, co que tiven o pracer de traballar.
Cabe destacar que dende aqueles anos ata día de hoxe a evolución nos diferentes aspectos de xestión e avaliación da ciencia e a tecnoloxía foi case unha revolución. En todos os niveis xeográficos levan a cabo políticas científicas que requiren de persoal cualificado e experto. Ano tras ano incorpóranse novos aspectos na axenda cos que hai que lidar para que as nosas institucións poidan manterse actualizadas.
Así, nos últimos anos entramos de cheo entre outras cousas, na ciencia aberta, na ciencia sostible, na ciencia responsable, na ciencia con impacto, etc.
Alguén considera por exemplo non formar en xestión de datos de investigación aos doutorandos actuais? Algunha institución non pensa en avaliar o seu impacto á sociedade?
En consecuencia, cada vez é máis necesario actualizarse se queremos ter ambición para xogar na liga de campións científica.
Neste sentido, pretender que un investigador ou un xestor de investigación beba das fontes adecuadas para ser competente en todo o que é necesario resulta realmente complexo. E é xustamente aí onde entra en xogo o soporte externo que prestan algunhas institucións. No caso de Galicia, o programa GESCI impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración con Feuga xorde para reforzar as capacidades dos responsables de institucións de investigación, o que á súa vez fai de correa de transmisión para concienciar aos seus equipos das novas necesidades e dotar aos seus centros das ferramentas requiridas neste escenario tan cambiante. É un investimento de tempo e esforzo pero que se ve recompensado polos resultados que se van xerando, ademais doutros efectos positivos colaterais.
Seguramente é só o comezo dunha forma estruturada e colectiva de facer fronte aos retos que as políticas científicas rexionais, nacionais e europeas establecen ano a ano. A formación especializada impartida por expertos seleccionados faise imprescindible e auguro que non deixará de crecer.