A Dra. Laura M. Lechuga Gómez será a relatora convidada no acto inaugural da 4ª edición do Programa Formativo GESCI&GOSCI, que terá lugar o próximo 8 de novembro ás 13:00 horas.
Laura M. é actualmente profesora de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e xefa do Grupo de Nanobiosensores e Aplicacións Bioanalíticas no Instituto Catalán de Nanociencia e Nanotecnoloxía (ICN2) en Barcelona.
É unha experta mundial en nanotecnoloxía aplicada á saúde (nanomedicina), especializada no desenvolvemento de biosensores nanofotónicos para o diagnóstico precoz de doenzas como o cancro. Publicou máis de 300 artigos, ten 8 patentes, 4 segredos industriais e cofundou dúas empresas. Ao longo da súa carreira, recibiu importantes galardóns, como o Premio Nacional de Investigación en Transferencia de Tecnoloxía e o Premio Rei Jaume I en Novas Tecnoloxías, ambos en 2020, ademais doutros recoñecementos nacionais e internacionais.
Durante a súa ponencia, “Excelencia científica e transferencia de tecnoloxía de calidade: ingredientes para o éxito en centros de I+D”, explicará como atraer e manter a excelencia desde a perspectiva do persoal investigador e que rol se debe adoptar desde a dirección do centro para que sexa verdadeiramente competitivo e sostible ao longo do tempo. Tamén abordará como levar a cabo unha transferencia de tecnoloxía de calidade, garantindo unha traslación real e de impacto no mercado.
Laura M. Lechuga estudou Ciencias Químicas na Universidade de Cádiz e obtivo o doutoramento na Universidade Complutense de Madrid, realizando a súa tese no Centro Nacional de Microelectrónica do CSIC. É doutora “Honoris Causa” pola Universidade de Cádiz e pola Universidade de León, sendo a primeira muller en recibir esta distinción.
Actualmente, é asesora de prestixiosos institutos de investigación biomédica e científica en España e no estranxeiro, así como de escolas de negocio e empresas privadas. Participou en prestixiosos paneis de avaliación a nivel mundial e foi presidenta do panel da Adv Grant da ERC. Ademais, realiza unha importante labor de divulgación científica dende hai máis de 25 anos, sendo unha das pioneiras en España neste campo. Ten participado en centos de programas de televisión e radio, entrevistas en prensa e conferencias, e publicou un importante número de artigos de divulgación a nivel nacional e internacional. É autora do libro “Una científica saltando vallas”, co fin de impulsar as vocacións STEM entre nenas e mozas.