A bioquímica Carmen Vela, que conta cunha experiencia de máis de 30 anos en inmunoloxía e viroloxía, será a relatora convidada, o próximo 4 de xuño, no acto de clausura da 3ª edición do Programa en Xestión Estratéxica e Operativa de Centros e Unidades de Investigación de Excelencia ( GESCI& GOSCI).
A súa intervención, “Por unha investigación de calidade: o relevante papel dos Centros de Excelencia”, estará centrada nas boas prácticas que conducen aos Centros de Excelencia a acadar altos estándares de calidade científica, impacto e liderado a nivel nacional e internacional.
Carmen Vela é actualmente directora de Proyectos Colaborativos Eurofins Technologies en INGENASA, compañía biotecnolóxica dedicada á saúde animal, á que se incorporou en 1982. Foi presidenta e directora xeral desta entidade ata o 2012, momento no que foi nomeada secretaria de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación e presidenta do Consejo Rector del Centro Nacional de Supercomputación-Barcelona Supercomputing Center e do Sincrotrón Alba, cargo que ostentou ata o 2018.
Carmen Vela, licenciada en Ciencias Químicas, con especialidade en Bioquímica pola Universidad Complutense de Madrid, é autora de máis de 30 publicacións científicas en revistas de prestixio. Ademais, conta con 68 patentes en 13 familias distintas tanto en Europa como en Estados Unidos.
Así mesmo, presidiu a Sociedad Española de Biotecnología e a Asociación Española de Mujeres Científicas y Tecnólogas. Tamén foi membro, entre outros, do grupo asesor de PEOPLE (7º Programa Marco), do comité asesor externo de EUREKA, do ETAN Group Women and Science ou do Consejo Asesor para la Ciencia y la Tecnología en distintas etapas.
Recibiu diversas condecoracións tanto nacionais como internacionais, entre as que se atopa o Premio á Excelencia FEDEPE, que se lle outorgou en 2007.