O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, D. Román Rodríguez González e o director xeral da Fundación Empresa Universidade Galega, D. Francisco Javier Pereiro Pérez asinarán o próximo día 11 de xuño ás 10.30 horas o convenio de colaboración entre estas dúas entidades, que permitirá o desenvolvemento do “Programa formativo en xestión estratéxica e operativa de centros e unidades de investigación de excelencia”.
Este programa formativo, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración con FEUGA, é unha formación única e pioneira en España que pretende promover a mellora continua, a excelencia e o liderado internacional dos centros de investigación de Galicia.
A formación está composta por dous programas diferenciados, GESCI e GOSCI, dirixidos a dous perfís complementarios.
O primeiro deles, GESCI, está deseñado especificamente para directores de centros e unidades de investigación, aos que pretende dotar das cualidades e coñecementos necesarios para desenvolver estratexias que permitan afrontar os novos desafíos da contorna e a crecente competitividade internacional na captación de recursos, talento e oportunidades, fomentar a eficiencia e modernización das súas organizacións e impulsar a avaliación científica e institucional como mecanismos clave de mellora continua. Pola súa banda, o programa formativo GOSCI, especificamente pensado para os xestores de centros e unidades de investigación, pretende mellorar a eficiencia e organización interna das súas organizacións, apoiar a xestión do cambio promovida pola dirección e contribuír desde a súa área de actividade á excelencia e o liderado científico-tecnolóxico das súas institucións.
Este programa formativo, que comeza en setembro de 2018 e que se prolongará ata marzo de 2019 (GESCI Oct 18- Feb 19 e GOSCI Sept 18- Marzo 19) contará cun panel docente integrado por profesionais nacionais e internacionais que son referentes nas súas áreas de especialidade e estará dirixido por Lluís Rovira, director da Rede CERCA de Cataluña.
Data: 11 de xuño de 2018
Hora: 10.30 h
Lugar: Sede FEUGA. Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n Santiago de Compostela
Interveñen: D. Román Rodríguez González.- Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia
D. Francisco Javier Pereiro Pérez.- Director Xeral de Fundación Empresa Universidade Galega