- É unha grande noticia que recentemente o Vall d’ Hebron se convertera oficialmente nun dos 9 hospitais de relevancia europea que forman a European University Hospital Que supón para o Vall d ‘ Hebron formar parte desta alianza?
Formar parte desta alianza supón un cambio na nosa visión e nas nosas expectativas. Estar xunto a líderes internacionais europeos sitúanos nunha nova liga, altamente esixente, que nos ofrece a posibilidade de aprender boas prácticas de cada un destes hospitais á vez que ofrecemos o noso coñecemento e experiencia.
A alianza móvese en tres grandes ámbitos. O primeiro é o de dirección e xestión. Nesta liña será fundamental a nosa capacidade para elaborar e compartir propostas cos gobernos e, sobre todo, coa Unión Europea, en aras a contribuír ao deseño do sistema europeo de saúde.
O segundo ámbito é a provisión de servizos de saúde, que é dalgunha forma o máis relacionado coa función principal dos nosos hospitais. Neste ámbito a nosa visión é que podemos colaborar e compartir mellores prácticas, o cal resulta particularmente relevante de cara a mellorar a eficiencia na relación cos pacientes, empregar a súa opinión no deseño de novos tratamentos e considerar as súas propias experiencias para mellorar as contornas hospitalarias, descartando aquelas prácticas de escaso valor.
O terceiro piar da alianza é o da investigación, a docencia e a educación. Neste punto a participación na rede permítenos expoñer proxectos moito máis ambiciosos a nivel europeo, especialmente nalgúns ámbitos como os tratamentos novos e as terapias avanzadas que están nestes momentos nunha fase de deseño. Estamos a falar, por exemplo, de terapias CAR- T ou da terapia xénica. Tamén é importante dispoñer desta rede tan ampla para a abordaxe das enfermidades minoritarias. Contar co soporte de nove hospitais que agrupa a practicamente todos os grandes países da Unión Europea, incluíndo Francia, Alemaña, Reino Unido, España e Italia, supón dispoñer dunha capacidade de investigación e de acceso a novos tratamentos para as enfermidades raras que é absolutamente singular.
- Como afectou o contexto actual marcado pola crise do coronavirus ao seu instituto?
Sen dúbida a situación do coronavirus impactounos, fundamentalmente na primeira onda, na que tivemos que pechar a práctica totalidade dos servizos. Só se permitiu continuar de forma presencial con aqueles servizos que se consideraron esenciais. Neste ámbito incluímos, por exemplo, o traballo con animais, que doutro xeito se tivera perdido, ou a recollida de mostras para o biobanco, de vital relevancia para o traballo e os estudos de Covid.
Despois do mes de xuño, coa desescalada, puidemos volver ao traballo presencial, sobre todo nos laboratorios, aplicando os estritos criterios marcados polas autoridades sanitarias. Aínda que, unha parte do persoal seguiu teletraballando ou compatibilizando ambas modalidades.
Relacionado con isto, considero que a aprendizaxe derivada do impacto do Covid moi probablemente vai seguir aplicándose a futuro, estou pensando, por exemplo, no teletraballo ou na posibilidade de ter reunións, tanto de traballo como científicas, a través de medios dixitais. Tivemos experiencias neste sentido interesantes. Por exemplo, houbo un aumento importante da asistencia a seminarios, superior á que obtiñamos na modalidade presencial.
- O Vall d’ Hebron está a traballar en ensaios clínicos sobre o coronavirus, en que consisten?
Os ensaios clínicos nos que participamos estiveron fundamentalmente relacionados co uso de novos fármacos que poderían resultar de interese para o tratamento da enfermidade. Neles colaboramos con diferentes entidades farmacéuticas recoñecidas. De todos os xeitos, hai que recoñecer que ningún dos fármacos “modernos” acadou polo momento grandes resultados.
Seguimos traballando neste ámbito e non descarto que poida haber nun futuro, máis ou menos inmediato, algunhas moléculas que poidan resultar eficientes no tratamento do virus.
- Que opinión lle merecen os avances logrados polas marcas Pfizer e Moderna?
O que estamos a avaliar fundamentalmente na actualidade son as vacinas. O Covid constatou a grande capacidade de reacción da nosa clase científica, tanto pública como privada.
Nestes momentos os resultados de Pfizer e Moderna son altamente esperanzadores, cuns índices de resposta moi elevados, por encima do 90%, o cal debemos entendelo como algo bastante excepcional dado que as vacinas que superan o 70% de efectividade considéranse vacinas extremadamente boas. Debemos, ademais, tomarnos os datos con moita prudencia, dado que son moi parciais. Son ofrecidos polas propias compañías e non responden a un estudo completo e contrastado coa autoridade sanitaria. Neste sentido debemos esperar aínda a que os ensaios conclúan para ver cal é realmente o seu índice de eficiencia.
Gustaríame destacar, con todo, os prazos tan curtos que tivemos no desenvolvemento destas vacinas e, por outra banda, a práctica ausencia de efectos indesexables nas mesmas. Isto loxicamente non se improvisa, hai moito traballo previo detrás. Tamén cabe sinalar o emprego no desenvolvemento das vacinas de estratexias extremadamente novas e potentes como o uso do ARN en lugar do virus completo.
Creo que estamos nunha situación moi positiva, fascinante desde o punto de vista do que somos capaces de construír coa ciencia e a técnica, pero debemos actuar con moita prudencia porque como digo, os resultados aínda teñen que ser validados polos comités regulamentarios e iso levará un tempo.
- Cre que a situación actual favorecerá aumentar investimento en ciencia e investigación e chegar ao ansiado 2,5 % destinado a I+D+i?
Non sei se contribuirá, a min naturalmente gustaríame que isto ocorrese. Creo que a investigación, o desenvolvemento e a innovación, entendida como a transferencia deste coñecemento ao mercado, son piares fundamentais do Estado de Benestar.
O 2,5%, nestes momentos parece moito. A recente proposta de Orzamentos Xerais de Estado, na parte pública, fixo unha aposta importante por este financiamento vinculado aos fondos de Unión Europea, denominados Next Generation.
Estou seguro de que existe a nivel institucional sensibilidade para apostar pola investigación. Quizais o principal hándicap que ten a investigación en España en materia de investimento non está tan asociado ao ámbito público, que tamén debería incrementar a súa achega senón, sobre todo, á falta de investimento por parte do sector privado. Aquí existen moitos matices que poderiamos discutir, desde a propia capacidade das nosas empresas ata a existencia de mecanismos que poidan favorecer, mediante leis e incentivos fiscais, que as empresas invistan máis en investigación. Eu creo que vincular a empresa privada e a investigación é o gran reto a solucionar nos próximos anos.
- Que opinión lle merece a iniciativa do proxecto GESCI impulsada pola Xunta de Galicia?
Considero que o proxecto GESCI é unha iniciativa nova e moi interesante que supón a aposta desde a propia Administración Pública pola formación dos xestores e directores dos centros de alto nivel de Galicia. Trátase dunha formación cunha orientación práctica moi importante, que conta cun panel docente de recoñecido prestixio a nivel nacional e internacional, con importantes responsabilidades nos seus diferentes ámbitos de actividade. Por tanto, paréceme non soamente interesante, senón que debería ser un exemplo a imitar por outras administracións e institucións.
- Considera que é o camiño adecuado para xerar un impacto a longo prazo no futuro da ciencia de Galicia?
Sen dúbida. Eu creo que o impacto vai ser por diferentes vías. A posibilidade de que os diferentes centros de Galicia poidan dotarse de mecanismos de gobernabilidade e de mecanismos de xestión flexibles sen dúbida supoñerá un cambio na capacidade de produtividade, gañando en eficiencia a xestión destas institucións.
O traballo que se desenvolveu formando tanto a xestores como a directivos, paréceme esencial tamén para implantar novos procedementos de traballo e dispoñer dunha visión moito máis estratéxica e ambiciosa que sen dúbida redundará na propia economía de Galicia.
Quero ademais destacar, como recomendación adicional, que quizais se debería ir un pouco máis aló. O sistema aínda é un tanto prudente á hora de deixar a estes centros un grao de autonomía grande. Creo que debería apostarse por unha maior autonomía cun forte compoñente tamén de rendición de contas e uns orzamentos xenerosos, baseados no mérito de cada un dos centros. Todo iso controlado desde os órganos de goberno, onde poden intervir a propia administración ou a universidade.