Rosina Malagrida fálanos sobre a investigación aberta e inclusiva para dar mellor resposta ás necesidades da cidadanía

A Unión Europea e moitas outras entidades financeiras, pero tamén diferentes grupos de investigación e organizacións de investigación de todo o mundo están a comezar a implementar cambios na forma na que se xestiona a investigación e a innovación (I+D+i).

Estes cambios están a traducirse no desenvolvemento de procesos de I+D+i máis abertos e inclusivos que contan coa participación de diferentes actores sociais, os cales teñen interese e/ou están afectados polos retos aos que a I+D+i tenta dar resposta (investigadores de distintas disciplinas, industria de diversos sectores, organizacións da sociedade civil, xestores de políticas e a comunidade educativa). A súa implicación debe contribuír a que tanto os procesos coma os resultados da I+D+i estean máis aliñados coas súas necesidades e expectativas, coa finalidade última de mellorar o seu impacto.

Este novo paradigma pretende contribuír a minimizar a investigación a miúdo denominada como “waste research”, identificar necesidades non cubertas,  facilitar a transdisciplinariedade para dar mellor resposta a problemas complexos e promover que a I+D+i sexa máis democrática e lexítima, contribuíndo así a mellorar a relación entre a ciencia e a sociedade e a minimizar os obstáculos para aplicar os resultados.

 

Pero, como se levan a cabo estes procesos?

O deseño de axendas de investigación e innovación participativas, a creación de redes multiactor transformativas, a ciencia cidadá, a investigación participativa baseada na comunidade, a creación de comités asesores comunitarios, son algunhas das fórmulas que se están empregando en todo o mundo e se inspiran en iniciativas políticas como a “Responsible Research and Innovation”, a “Mission Oriented Research” ou o “Open Science” e a “Open Innovation”, e en marcos conceptuais como o “system thinking” ou “teorías do cambio transformativo”, entre outras.